Thursday 09 de May de 2024

Causas Comúns organiza este sábado en Naraío un xantar solidario para presentar a entidade e os seus proxectos


O evento ofrece varias propostas ao longo do día, que terán lugar no local social da AVV O Castelo

A Asociación Causas Comúns -nacida en 2012 por iniciativa do fotógrafo Gabriel Tizón- traballa para dár a coñecer outras realidades que habitualmente non ocupan tempo nin espazo nos medios de comunicación, como por exemplo o desastre humanitario que un día si e outro tamén se está producindo no Mediterráneo ou o o camiño desesperado das persoas que chegan a Europa fuxindo da pobreza ou do terror das guerras.

A cultura -a fotografía, a música, a pintura, o teatro…- é a principal ferramenta da que se vale para facer este labor, acompañado ademais por traballos de campo de carácter sanitario ou de apoio a quen está nos puntos máis críticos.

A entidade organiza para este sábado un xantar solidario no local social de Naraío co obxectivo de recadar fondos cos que continuar desenvolvendo proxectos en distintas partes do mundo. O programa completo da cita é o seguinte:

11.00h. Andaina ata o castelo desde o local da asociación veciñal, situado no campo de fútbol de Naraío.

14.30h. Xantar a base de cocido, incluída a bebida e a sobremesa. Prezo 20€ que se pagarán o mesmo día. Menores de 10 anos gratis.

16.30h. Presentación da asociación Causas Comúns por parte de varias das persoas que forman parte dela, na que se explicarán os proxectos en marcha e os obxectivos que se perseguen a medio e longo prazo.

18.00h. Actuación do grupo Mamá Cabra.

Para participar no evento hai que enviar un correo electrónico indicando o nome e o número de asistentes a proxectocausascomuns@gmail.com. Tamén se pode reservar sitio chamando ata o 5 de decembro ao 637 545 255 (Fernanda)